4.5.05

MANIFESTO DO CORRELINGUA

Pon un bico na lingua
o teu bico no bicarelo
do bico da lingua
e, sempre, con ela, bica.
Mil primaveras máis para
o galego
bicos 1000 na miña, túa,
súa, nosa lingua.
Do teu -yo- ao meu -eu-
que estoure un bico e que Galiza esperte.
Que esperte de Fonmiñá a Cabo Vilán.
Óiase, á fin,
o bocexo da Galiza subversiva
petrificada de séculos.
Os rumorosos non din
nada de nada
mais si temos castiñeiros
de mil anos que resisten
e especies foráneas achantadas
na terra
que rosman en galego
e reclaman futuro.
Levantemos como estandarte
a bandeira da imaxinación
na que collemos todos/as,
os/as que non naceron e
os/as que están,
os/as que han de vir e
os/as que tiveron que marchar
todos, desde aquí, acollidos, no mundo,
desde aquí, en galego, no mundo.

Desde aquí, mentres oímos de lonxe o ruído da choiva
e bailamos hip-hop na pista dun pub,
mentres calamos cun amable descoñecido
que encaixa no noso soño,
mentres miramos como o camareiro
lle serve unha copa á rapaza máis ghuai...
quizais siga chovendo.
Desde aquí, mentres respiramos esta música,
agora pesada e monótona,
mentres do curruncho máis escuro
a fermosura desa parella nos reclama,
mentres atrapamos un chisco de ollo
previamente imaxinado,
e xa somos paspáns namorados...
quizais non cese de chover.
Desde aquí, mentres fisgamos
no bolso da amiga,
mentres ensaiamos a retardada fuga,
mentres nos queiman cun cigarro e
só podemos ver a lúa sen as estrelas,
quizais non pare xamais de chover.

Porque oídeo, nós somos:
Unha prole de lucecús que alumean os buracos negros de Galiza.
Un exército de corazóns preñados de utopía que freará a colonización da escuridade.
Choiva maina que rega a nosa cultura milenaria.
Humus patrio que garante a súa fertilidade.
Elixir que todo o cura.
Un si agudo no inestable pentagrama que esnaquizará espellismos.
Lóstrego súbito que fará borralla da pel de cacique.
Porque con respecto aos pesimistas nós somos optimistas,
e, aínda que non venda,
perdemos o tempo.

Comprendemos que
quizais para atraer a turistas
sexa preciso falar
do maoir botafumeiro do mundo mundial
cemiterio +misterioso de Europa
da
rúa Muro, a +estreita de
primeira cidade republicana de
do "españa"
lugar onde +horas chove de
ou
da libraría +anteida de

Pero nós preferimos as cousas núas,
sentar á mesa ós nosos mitos,
e despois, entre nós, leriar:
pode que Murguía fose mullerengo,
que Rosalía soñase coa sombra de Aguirre,
que Otero aprobase todos os alumnos,
E Pondal... Pondal quizais non casase por manter a pensión.
E con respecto aos novos,
preferimos o silencio xusto dalgúns/unhas
que a cantarela doutros.

Así pois, luza ou non o Sol,
sabédeo, seguiremos adiante.
Porque
vimos dunha estirpe amnésica
coa historia impresa nas nosas mans.
ós seus rostros esculpidos en relevo
cos gumes afiados de invero
porque vimos todos/as dun mundo
onde. onte. aínda.
o pan sabía a seiva de carballo
a sangue da terra
a alquimia de pedra
a abafo de nai
que se transubtancia e
entrega
porque a suor das súas xentes
era orballo de xuneo.
herba seca e
terra mollada e.
o galego está vivo
na palabra inarticulada dos proscritos da linguaxe
no trémulo beixo da condición de amante
na ollada terrosa da nai sen froito
no arrecendo da uz e do xurelo
no andén da estación e no cumio do outeiro
na fonte da praza e na corredoira das vacas
no visible do invisible e no invisible máis visible
que esquiva a nosa,vosa descuberta
porque o galego é a voz das palabras que nos silencian
Cómprenos a lingua para sermos luz nesta EUROPA caduca.

Que aniñe a nosa verdade no vento
e paira no Parlamento.

Perdemos o tempo