10.5.05

LORENZO VARELA

Este ano, as Letras Galegas adícanselle a Lorenzo Varela.
Este escritor pasou etapas da súa vida en Cuba, Bos Aires, México e Francia, primeiro como emigrante e logo como exiliado. Con 17 anos, e estando en Galiza, foi membro fundador das Mocidades Galeguistas, ademais de activista cultural. Durante a guerra estivo no bando republicano, polo que remata como exiliado. En 1954 publica "Lonxe", o seu libro máis destacado, onde aborda o tema da loita social e da saudade. Homenaxea a símbolos como María Pita, María Balteira ou Roi Xordo. En bos Aires publica diversas revistas e traduccións. Finalmente, retorna a Galiza nos seus últimos anos, durante a Transición.
Aquí temos un exemplo da súa poesía social: EMIGRANTES.

“Tres millones de españoles viven lejos de
la patria. Muchos de ellos en gallineros
europeos”.

Centos, miles de galegos
foron a buscar o pan,
fóra, lonxe de Galicia,
que perto xa non o hai;
que toda a fariña nosa
non se sabe para quen vai.
Centos, miles de galegos
empuxados a emigrar,
hoxe viven coas galiñas
porque outra casa non hai
en París, Xenebra, Hamburgo,
en ningunha capital.
Nun galiñeiro de Europa,
Galicia, tes o teu Lar.
¡Poñamos un galiñeiro
na bandeira de Breogán!
Son boa xente as galiñas,
mellor que moitos irmáns:
súa merda é menos merda
se vos poñedes a pensar.
E sendo veciños delas
poderannos crecer ás.
Tataranetos de condes
¿saberán tatarear
sobor dun pau europeo
os fillos de Breogán?
¿Saberán cacarear
estes galegos de hoxe,
botados por seus irmán
sos banqueiros e almirantes,
os xuíces e os capitáns?
¡A Patria éche un galiñeiro,
en terra allea, pra máis!
¡E mellor que ser galego
ser porco, cabalo ou can!
Nun galiñeiro de Europa
Galicia, tes o teu Lar.
¡Poñamos un galiñeiro
na bandeira de Breogán!
E cada Casa Ilustre
de Galicia, de hoxe en máis,
poña merda de galiña
no seu brasón galiñán.
Mais ouvide ben o galo,
señoritos galiñáns:
un día ou outro, moi cedo,
¡outro galo cantará!


Poema publicado no primeiro e único número de Cuco-Rei, Buenos Aires, 1970, e recollido posteriormente en “Homaxes” –libro póstumo

Portada de "Lonxe"