6.6.05

COUSAS QUE CONTAR

Ola! Que tal? Vai, voume presentar. Chámome Sara e teño catro anos. A xente maior di que aínda son demasiado pequena para comprender certas cousas, e se cadra é certo, porque non os entendo... A min, como aos meus amigos e amigas, gústame moito ir xogar ao parque, alí sempre atopo xente dos meus anos e divírtome. Pois ben, o outro día ía eu polo parque, e nisto vexo a un mozo e a unha moza que falaban así moi pegadiños. A cousa moito non me estrañaba, vin a máis xente dese xeito, pero é que, de súpeto, comezaron a facer algo realmente raro: xuntaban as súas bocas e parecía que falaban. Eu xa tiña visto ao meu pai así con miña nai, pero non sei o motivo polo que o fan. Meus colegas din o mesmo. Xa ves. Aínda así, preguntáballe a miña nai por que facían iso, e ela díxome que desa forma se transmitía mellor a lingua, e que se dicían palabras que non se poderían dicir doutra maneira. Pero nese momento seguía a ter as miñas dúbidas... Total, que lle volvín preguntar a mamá por que o tipo e a tipa do parque facían aquilo. “Estábanse contando historias. Seguramente era algo moi interesante. Por iso falaban tan pretiño, tan pegadiños”, explicábame miña nai. Non sei por que será, pero é que eu aínda non me entero de nada. Vai ser iso. Entón decidín coller a Patosín, un dos meus peluchiños favoritos, e probar a contarlle as cousas así. Pero debía ser que el non abría a boca, ou algo así, porque non conseguín contarlle nada. Vin que a cousa non funcionaba. E dixen: “Mañá probo con Migueliño! A ver se o consigo comprender dunha vez!”. Migueliño é un amigo da escola ao que sempre lle conto todo. Á mañá seguinte, tan pronto o vin, comeceille a falar daquela estraña maneira. Non sei por que, pero o caso é que súa nai miroume con unha cara moi rara, apartouno de min e rosmou algunhas cousas que non cheguei a escoitar. Se cadra non lle gustou o que lle dixen. E eu agora penso: a próxima vez que lle queira dicir algo a Migueliño, como o fago? Porque non me gusta que súa nai me mire así. Vaite ti saber o que lle conta á miña despois! Co mal xenio que teñen ámbas as dúas calquera non ten medo... Éche o que hai...E grazas que só lle quería contar unha cousa, se chegan a ser máis... En fin, xa ves ti o que pasa. O mellor de todo é que aínda non pillei o tema...
ALEXIEL´05